sábado, setembro 08, 2007

A guitarra portuguesa

A guitarra portuguesa
é muller de riso franco.
Un chorro de viño verde
baixa da botella ao vaso.

A guitarra portuguesa
é unha muller que canta:
no seu ventre de corcheas
o neno dálle patadas.

A guitarra portuguesa
é unha muller que berra
dende o Largo do Chiado:
"Socorro, lúa e estrelas".

A guitarra portuguesa
É unha muller que chora:
Baixo o vermello e o verde
traen ao seu fillo de Angola.

A guitarra portuguesa ,
é unha muller que se laia
cunha calada tristura
quer de canto, quer de bágoas.

FRANCISCO JAVIER REIJA MELCHOR

in “Xistral”. Revista lucense de creación poética
Nº 9. 2006.

relojes web gratis